Wednesday 01 de May de 2024

Alevíns do Noia CF e benxamíns do Outes FC gañan o VII Torneo Fútbol 8 Lousame 2019


 

Os alevíns do Noia CF e os benxamíns do Outes FC proclamáronse campións do VII Torneo Fútbol 8 Lousame 2019, organizado polo Club Lousame Deporte en colaboración co Lesende CF e o Concello de Lousame. Un torneo que se disputou na xornada de onte mércores no campo de fútbol de Cabanetán e no que participaron 23 equipos (un máis ca na edición anterior) das comarcas do Barbanza, Costa da Morte, A Barcala e Santiago.

Todos os nenos e nenas participantes levaron unha medalla conmemorativa como agasallo, mentres que os catro primeiros clasificados de cada categoría gañaron tamén un trofeo. Uns premios que foron entregados pola concelleira de Deportes, María Regenjo; polo tenente de alcaldesa, Ramón Martínez; polo director do Club Lesende Deporte, Néstor Romero, e polo directivo do Club Lesende Deporte, José Manuel Outeiral.

A igualdade caracterizou a categoría alevín. Así, os xogadores e xogadoras do Noia CF derrotaron na final ao Dumbría CF por 1-0, despois de perder o encontro previo da liguiña da mañá contra este mesmo equipo por 2-0 (a súa única derrota no torneo). Completaron o podio o Outes FC, que perdeu na semifinal por 2-0 contra os campións, e a SD Xuventú de Aguiño “A”, que caeu na quenda de penaltis ante o subcampión.

Moito máis contundente foi a vitoria do Outes FC na categoría benxamín, onde gañou todos os partidos por goleada e só cedeu un empate a 2 contra a AD Burgo das Nacións. De feito, rematou o torneo con 29 goles a favor e 3 en contra en 6 partidos. Na final impuxéronse por 4-1 ao Xuventude Aguiño. Completaron o podio o Atlético Fátima, que caeu 4-0 ante os campións, e a SD Villestro, que perdeu na quenda de penaltis ante o subcampión.

Premios individuais

O premio á mellor xogador/a alevín do torneo foi para Noelia Mayo Piñeiro, do Noia CF; mentres que o premio ao mellor xogador benxamín foi compartido por dous membros do Outes CF: Rubén Sanlés Ruibal e Hugo Seoane Alborés. Ambos foron entregados por Fonsi Balderrábano, director da oficina Plus Ultra Seguros en Noia.

O torneo estivo patrocinado pola Deputación da Coruña e contou coa colaboración especial do Concello de Lousame, do CF Lesende e da Federación Galega de Fútbol, así como dos patrocinadores do club: Canal-Tec, Excavaciones M. Rodríguez SL., Muebles Muñiz, Fisioterapia Cinesia, Deportes Casais, SGS Gestión de Seguros SL, Lolita Moda, Amian-tec, Sóñora Fernández SLU, Silmaplast, Autos Comparado, Autos Patiño e Paco´s Moda.